POR UN PUÑAZO DE SNPs

“VENRESACA”

Érase unha vez...Ui! Non, non, non! Así comezaban as historias cando estabamos na infancia. Mais iso queda atrás. Volvemos a comezar, desta vez sen “Big bang”.
—Alguén sabe que son os SNPs, sen consultar á velocidade da luz na Wikipedia?
Na clase respondeulle o son dos grilos cando queren casar, nas noites de verán. Os venres son duros.
—Son Polimorfismos de Nucléotido Único. Unha variación dunha única base na secuencia do ADN que... —De súpeto, a súa voz apagouse. Un asustado conserxe facíalle espaventos para que saíra.
Atopouse cunha parella da Garda Civil.
“Sabía que non debía publicar ese tweet criticando á homeopatía dese xeito. Un escándalo xusto antes de xubilarme, non está nada mal...”, pensou resignado. Para a súa sorpresa, cando se vía esposado ante centos de flashes, pedíanlle axuda para resolver un posible delito ambiental. Eran do SEPRONA.
—Nun posto de control na estrada unhas compañeiras mandaron parar a un todo terreo. Cheiraba a pescado e decidiron inspeccionar en detalle. No maleteiro baleiro había pingas de sangue e algún fragmento das aletas, escamas.... Eles dixeron que era de troita arco iris, cremos que pode ser salmón...
—Cuxa pesca está vedada.
—Co noso anterior sarxento tiña colaborado o voso Departamento nalgunha investigación...
“Fai moito tempo diso. Se a biopsia líquida existise daquela, posiblemente estaría vivo”, reflexionou taciturno.
—Trouxemos unhas mostras en etanol nesta caixa con xeo. Valerán, Carlos?
Xa no seu despacho, Carlos busca os diferentes protocolos nun cartafol, cuberto de po. “Protocolo de extracción de ADN, protocolo da SNaPshot, perfecto. Aínda deben quedar reactivos na cámara fría nun estado aceptable.”

ANÁBASE

Mergullarse en toda a información que pode estar contida no maior libro do Universo e digno das viaxes épicas da Antigüidade. Cando se decataban os nosos devanceiros que ao chegar ao horizonte da súa vista, coñecendo o seu contido e significado, había novos horizontes agardándoos. Milla a milla. Letra a letra. Todo o que estás lendo neste texto é froito da combinación de 23 letras do alfabeto galego, a enciclopedia do ADN ten catro (Adenina, Citosina, Guanina, Timina), case toda a información está aquí. Case, xa non falemos da información adicional achada cas achegas da epixenética, epitranscriptómica e finalmente a última que non derradeira epi- , campo de investigación de recente creación. Canto máis miras, máis horizontes descobres.
Carlos leva corenta anos lendo, sen pausa, un libro que sabe que nunca rematará de ler. Non lle interesa o final, senón o camiño. “A curiosidade é o motor do coñecemento” lera nun libro de Paulo Freire, cando era novo, aló no Pleistoceno.

RECEITA DE “LARBORATORIO”

Identificaran fai anos posicións no ADN, entre diferentes especies próximas, cuxas variantes alélicas están fixadas sempre. Por exemplo, os salmóns nunha posición determinada sempre tiñan adenina e a troita común, nesa mesma posición, citosina. Así con 10, 50 e 500 SNPs, como se dun panel se tratase. Un código de barras molecular basicamente. Aínda que agora quedaría máis “cool” código QR molecular.

Ingredientes:
Extracto de ADN.
“Primers”: pequenas secuencias de nucleótidos que se unirán exclusivamente ás rexións de interese do xenoma.
Rexions de interese: Onde se atopan os SNPs mil veces testados que son útiles para identificar especies sen velas. Atópanse no extracto de ADN.
TaQ Polimerasa: A sal da cociña. Ai, como non a botes! Amplifica as rexións de interese onde se uniron os “primers”.
[...]

Material:
Termociclador: O fogón do laboratorio.
Onde demo está a pipeta multicanal?
Secuenciador.
[...]

Método de elaboración:
Siga o protocolo mil e unha veces testado.

Tempo:
Vaia buscando os teléfonos de comida a domicilio.

VEREDICTO

—Eran salmóns. Son furtivos. —Musita un derreado Carlos.
—Recibido. Mañá enviámoslle a documentación que terá que cubrir.
Frótase coas mans a cara estragada polo esgotamento. Abre a ventá para recibir a cafeína do aire fresco. Morfeo baixa paseniñamente o vermello pano do acto. Escóitase o son dos mouchos de orellas, fai tempo que non se escoitan os grilos, unha pena.
  • Visto: 505