O profundo desacougo epistemolóxico

Trato de camiñar afastandome da ignorancia absoluta. Normalmente fágoo a présa, preocupandome máis daqueles que me xulgan, que esperan o fracaso do meu ambicioso proxecto. Crecín entre dúbidas e receos varios, ao carón de dous irmáns: por unha banda o fillo mediano, desexado, aquel ao que todo o mundo aspira a ser, o que sustenta o rigor e a precisión e presume de asepticismo e neutralidade. Por outra banda, o maior dos irmáns, aquel que un día foi mentor do mediano e hoxe ostenta o primeiro posto no podio do esquecemento. A cal dos dous me asemello máis? Pois ben, iso depende de a quen lle preguntemos.
Como fillo menor, temo en ocasións ser unha copia imperfecta dalgún dos meus irmáns, pois son os espellos nos que me mirei durante a miña etapa de desenvolvemento. Trato de forxar unha personalidade loitando para conxugar as heteroxéneas voces que rondan o meu pensamento. En ocasións fico aterecido nun mar de incerteza, cheo de dúbidas epistemolóxicas, preso dunha esixencia que limita a miña capacidade de producir coñecemento.
Tendo presente isto diríxome cara ao meu irmán mediano e pregunto: Acaso para que se me tome en serio, teño que aferrarme ao teu método?. Realmente teño que ter por finalidade a busca de verdades transhistóricas e supranacionais?. Ogallá puidese facer iso, querido irmán, mais coido que non podo inquirir dando paus de cego algo que carece de existencia fóra das formas a priori da nosa percepción. Mentres ti cres que hai que ver para crer, eu creo que hai que crer para ver. Mentres ti contemplas a existencia dunha soa mirada obxectiva eu contemplo a existencia de múltiples e diversas miradas subxectivas. Mentres ti tratas de fotografar á perfección unha realidade estática, eu tento tomar varias fotos dende distintos ángulos dunha realidade dinámica. Mentres ti emprendes a heroica tarefa de ordenar o caos, eu, que sempre fun máis desordenado ca ti, déixoo fluir e procuro estudalo a través de métodos máis flexibles mediante os cales poida formular un relato creíble. Ás veces mesmo opto por claudicar da empresa de obter un coñecemento sistemático acerca dalgúns fenómenos.
Os que me lembran todos os días que debería parecerme máis a ti non teñen en conta que ambos somos necesarios. O teu positivismo frea o meu escepticismo posmoderno, frea as pulsións nihilistas que latexan no meu corazón irrigado de sangue pirrónico. O meu relativismo frea as túas pretensións universalistas, trata de lembrarche as lagoas existentes nas túas xeralizacións e despoxarte do androcentrismo que te escolta dende a túa constitución.
Poderíase dicir, entón, que nos complementamos un ao outro e nos regulamos a modo de homeostase. Tratemos de avanzar, pois, con este equilibrio de forzas, cara ao progreso social. E neste páramo sen fin denominado coñecemento o noso irmán maior posúe unha función capital: vixiar que os nosos achazgos disten de destinarse a controlar e sirvan para nos emancipar. Animo a fuxir daquel coñecemento que nos amarra con cadeas e nos condena a vivir na cova da modernidade. Pretendo acadar a entelequia de que a ciencia, entendida en toda a súa diversidade, se sitúe allea ao capital e se destine a rachar as cadeas que nos atenazan.
Por certo, soltei todo este rollo sen me presentar. O meu nome é ciencia, e apelidome social. Se teño que porme un segundo apelido, opto por crítica. Os nomes dos meus irmáns deixollos á súa imaxinación.