Persuasión

Toda unha vida de mentiras. Séculos e séculos escoitando falsedades sobre min. Titulares nos xornais, na televisión, nas redes sociais…xa non aturo máis falsidades.
Vós pensades que son inocente, xusta e solidaria, pensades que son boa, mirádesme con bos ollos. Credes que son a vosa salvación e algúns confiades en min coma nun deus sen saber nada do que realmente son. Eu agradézovolo na alma, pois agora xa non perseguides a ninguén que fale no meu nome, ao contrario, idolatrádelo. Deixádesvos engaiolar polo que vedes na punta do iceberg pero alá no fondo, na base xeada e afundida no océano, a perversidade é o que me caracteriza. Camiño paseniño entre a xente para escoller os integrantes do meu exército. Hai tempadas mellores ca outras, é certo, pero nunca me faltan escravos que queiran servirme. Os membros das miñas filas confórmanse con pouco e inda por riba reclámanlle diñeiro ao goberno para financiar a miña loita loando a miña bondade… sonvos do mellorciño.
A meirande parte dos meus guerreiros son reclutados durante a época escolar. De setembro a xuño adoito agocharme nos libros de texto e boto man de vellos trucos para lograr o meu obxectivo. As reacións químicas, por exemplo, soen resultar bastante efectivas.
Osíxeno e hidróxeno reaccionan para dar auga. Susurrolle á orella. ¿Por que?-pregúntase- Primeiro feitizo.
Resúltame bastante entretido, pois á marxe da miña misión principal aproveito para establecer relacións con outras disciplinas; sempre é bo coñecer aos inimigos. De feito, para o vindeiro curso espero acadar un pacto con Literatura para que sexa mais esixente coa sintaxe, así os indecisos quererán fuxir dela e atoparán en min un refuxio onde a lóxica e a orde lles darán a tranquilidade.
A mitocondria é a central enerxética da célula. Abraiante! -sorpréndese- e xa se me quere matricular na facultade de bioloxía de Santiago.
O reclutamento é unha tarefa bastante doada, pola contra é difícil distinguir os bos soldados daqueles que soamente se unen a min por divertimento. Por iso adoito seguir estratexias de engano, enredando ata os experimentos máis sinxelos, trebellando nas súas cabezas hipóteses que non chegan a ningures. So así podo elixir os individuos máis fortes. O certo é que sempre hai algún que acaba por descubrir as miñas argucias e anda a espallalo por aí, por iso últimamente estou a ter máis baixas no meu equipo. Algúns deles din que a ciencia é unha amante perigosa e que terían sido máis felices de non coñecérenme nunca… se quedaran calados! Iríanos moito mellor a todos…
…Vaites! Perdoa, non me decatara de que estabas aí. Ti… si, ti estabas a escoitar, non fagas coma que non me oíches! Tes un momentiño?
  • Visites: 76

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA