Einstein xa nunca terá acento galego

Herman Hesse, escribía na súa obra mestra Demian (1968) “Quería tan só tentar vivir o que tendía a brotar espontaneamente de min. Por que había de serme tan difícil?” Eu non son Hesse, son un estudante de doutoramento de 26 anos da universidade de Santiago de Compostela.
A Xunta de Galicia non crea un plan de investigación estruturado e con perspectiva de futuro, e xa non saen convocatorias para solicitar contratos para investigadores galegos: nin para que continúen os que están, nin para que volvan os que se foron (algún país beneficiarase de todo o diñeiro investido na formación destes cerebros).
A xestión da investigación científica en Galicia sempre foi unha vergoña, pero agora creo que afuciñaron no lodazal do fondo do pozo. Non vale de nada traballar nun tema interesante e con aplicabilidade, nin publicar en revistas científicas internacionais, nin participar en congresos, nin realizar estancias en Universidades estranxeiras de gran prestixio. Temos unha boa formación, e teriamos un futuro prometedor se omitísemos un punto importante, o país no que nos atopamos. Porque resulta que vivimos na comunidade autónoma Galega. E resulta que aquí non se quere saber nada da investigación científica. Porque aquí a educación, a calidade das Universidades, a cultura, o futuro, o prestixio e a honra non importan o máis mínimo. Aquí só importa facer edificios. Aquí só importa o beneficio económico e o cortoplacismo.
A ciencia é o motor da sabedoría, e a sabedoría constitúe os cimentos sobre os que hai que edificar a catedral do progreso. Pero claro, o progreso é algo etéreo, algo que non engrosa as contas correntes.
Nós os científicos (presentes e futuros) non queremos enriquecernos, só queremos traballar, porque temos vocación, porque queremos saber e entender, porque queremos axudar aos demáis; porque só así se poden conseguir solucións aos problemas que arrasan a esta nosa sociedade tan pluricultural e democrática.
Así que señores amos do diñeiro e garabateadotes do organigrama social galego: sexan honestos e non nos enganen máis, porque o problema non é a falta de cartos públicos nin de calidade persoal, é a falta de interese e de vontade de facer unha ciencia real.
Así cando se pregunten por enésima vez porqué Galicia non vai ben, reflexionen sobre o que xa dixo Alejandro Dumas no S XIX, "porqué sendo tan intelixentes os nenos son tan estúpidos os homes?".
  • Visites: 138

ESCOLA D'ESCRIPTURA

ESCUELA DE ESCRITORES

ESCUELA DE ESCRITORES

EDITORIAL GALAXIA

AEELG

METODE

RESIDENCIA D'INVESTIGADORS

INVESTIGACIÓN Y CIENCIA

AELC

IDATZEN

EL HUYAR

EUSKAL ETXEA

BIBLIOTEQUES DE BARCELONA